viernes, 9 de marzo de 2012

Discriminación Positiva e Competitividade


Nun artigo que lin recentemente, falábase dun experimento sobre a eficacia da discriminación positiva á muller. A miudo lemos e escoitamos argumentos a favor ou en contra da aplicación de normas neste senso. Coido que é necesario incidir nos resultados, máis aló dos presupostos iniciais desde os que defendamos unha ou outra postura. Segundo este experimento, “son efectivas as políticas para promover a competitividade feminina; e non merma o rendimento do grupo”, e dicir, que non resultan perxudicados os homes en xeral, e polo tanto o grupo no seu conxunto.
Pero, a maiores disto, quero destacar as conclusións que sacan estes investigadores sobre as causas da situación: “O papel da muller na familia e a discriminación no mercado laboral foron as explicacións tradicionais para a brecha de xénero na ocupación de homes e mulleres no mundo laboral, sinala Villeval. Pero a iso engádese outra hipótese: a menor tendencia das mulleres a asumir riscos e a competir en comparación cos homes”.

Deixando claro que o experimento se basea nunha competición sobre aritmética, e que, polo tanto non lle é de aplicación o que a continuación suscribo, quería coller esta afirmación únicamente para suxerir que afondemos un pouco máis no que habitualmente significa a competitividade na nosa sociedade.
Non comparto esa afirmación de que as mulleres temos menor tendencia a asumir riscos —en xeral, non no ámbito de experimento—. Quen ven asumindo todos os riscos da familia e os seus coidados dende sempre? O que algunhas non queremos asumir non son os riscos, senón a vergonza de ser as causantes de tantas situacións de desprezo e inxustizas que se xeran gracias a esa alardeada competitividade, que tan ben lles veñen aos empresarios sen escrúpulos para enriquecerse aínda máis; ou a aqueles que gustan de impoñer criterios alardeando das democráticas maiorías en partidos políticos, sindicatos ou asociacións.
Hai tempo que o feminismo identificou esta diferencia de comportamento entre o xénero feminino e o masculino (aquí non se trata de sexos, senón de xénero, o que implica uns determinados condicionantes sociais e conductuais). Porén, coido que habería que matizar bastante. Recollo a postura do feminismo da diferencia cando afirma que as mulleres (e os homes, por suposto) podemos e debemos reivindicar o dereito a facer as cousas doutro xeito. Hai unha impresión xeralizada, absolutamente patriarcal e típicamente capitalista, de que a competitividade é boa en si mesma. Calquera tipo de competitividade. Non estou dacordo. Cando se trata dunha competencia sana e xusta, na que cada quen mostra as súas mellores aptitudes para un posto ou unha actividade, iso é bon para todo o grupo; pero cando nos referimos a esa competitividade feroz na que todo vale, sin ter en conta que as persoas deberían estar por riba das ganancias económicas, ou onde a posición se aproveita para a subordinación e o desprezo dos demais, entón rivindico o dereito, e ata a obriga, de dicir que non, que iso non queremos facelo. O que aínda segue pendente é darlle valor social e xeral a esta reivindicación.

* Outro artigo referente a este estudio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario