viernes, 9 de marzo de 2012

Discriminación Positiva e Competitividade


Nun artigo que lin recentemente, falábase dun experimento sobre a eficacia da discriminación positiva á muller. A miudo lemos e escoitamos argumentos a favor ou en contra da aplicación de normas neste senso. Coido que é necesario incidir nos resultados, máis aló dos presupostos iniciais desde os que defendamos unha ou outra postura. Segundo este experimento, “son efectivas as políticas para promover a competitividade feminina; e non merma o rendimento do grupo”, e dicir, que non resultan perxudicados os homes en xeral, e polo tanto o grupo no seu conxunto.
Pero, a maiores disto, quero destacar as conclusións que sacan estes investigadores sobre as causas da situación: “O papel da muller na familia e a discriminación no mercado laboral foron as explicacións tradicionais para a brecha de xénero na ocupación de homes e mulleres no mundo laboral, sinala Villeval. Pero a iso engádese outra hipótese: a menor tendencia das mulleres a asumir riscos e a competir en comparación cos homes”.

Deixando claro que o experimento se basea nunha competición sobre aritmética, e que, polo tanto non lle é de aplicación o que a continuación suscribo, quería coller esta afirmación únicamente para suxerir que afondemos un pouco máis no que habitualmente significa a competitividade na nosa sociedade.
Non comparto esa afirmación de que as mulleres temos menor tendencia a asumir riscos —en xeral, non no ámbito de experimento—. Quen ven asumindo todos os riscos da familia e os seus coidados dende sempre? O que algunhas non queremos asumir non son os riscos, senón a vergonza de ser as causantes de tantas situacións de desprezo e inxustizas que se xeran gracias a esa alardeada competitividade, que tan ben lles veñen aos empresarios sen escrúpulos para enriquecerse aínda máis; ou a aqueles que gustan de impoñer criterios alardeando das democráticas maiorías en partidos políticos, sindicatos ou asociacións.
Hai tempo que o feminismo identificou esta diferencia de comportamento entre o xénero feminino e o masculino (aquí non se trata de sexos, senón de xénero, o que implica uns determinados condicionantes sociais e conductuais). Porén, coido que habería que matizar bastante. Recollo a postura do feminismo da diferencia cando afirma que as mulleres (e os homes, por suposto) podemos e debemos reivindicar o dereito a facer as cousas doutro xeito. Hai unha impresión xeralizada, absolutamente patriarcal e típicamente capitalista, de que a competitividade é boa en si mesma. Calquera tipo de competitividade. Non estou dacordo. Cando se trata dunha competencia sana e xusta, na que cada quen mostra as súas mellores aptitudes para un posto ou unha actividade, iso é bon para todo o grupo; pero cando nos referimos a esa competitividade feroz na que todo vale, sin ter en conta que as persoas deberían estar por riba das ganancias económicas, ou onde a posición se aproveita para a subordinación e o desprezo dos demais, entón rivindico o dereito, e ata a obriga, de dicir que non, que iso non queremos facelo. O que aínda segue pendente é darlle valor social e xeral a esta reivindicación.

* Outro artigo referente a este estudio.

jueves, 8 de marzo de 2012

Contos feministas para un 8 de marzo ...e para todo o ano


Déixovos aquí estos Cuentos para antes de despertar, de Nunila López Salamero e Myriam Cameros Sierra. Podes coñecelas mellor a través do seu blog.



Hoxe, 8 de marzo, na Praza da Soidade de Lugo, fixemos unha lectura compartida do seu anterior libro: La cenicienta que no queria comer perdices.

"...Y le dió por reirse de si misma, de lo inocente que había sido pensando que un príncipe la salvaría. Después de años viviendo con uno, se dió cuenta que los príncipes no te salvan... tampoco los camioneros, ni los discjokeys, ni las pasteleras... dejó de sentirse culpable, se perdonó y se dió cuenta que la única capaz de salvarte... eres TU MISMA"

domingo, 4 de marzo de 2012

EXECUCIÓN DE HIPOTECAS? NON. ROUBO.


Hai uns días lin un artigo sobre as execucións hipotecarias, un máis dos moitos que este tema provoca, e que a propia autora cualifica como “un xeito moi realista de describir os desahucios por impago das cotas das hipotecas”.
O artigo titúlase “O inferno e as boas intencións”, por Sol Gallego-Díaz (El País, 26/02/12)
Ademais de dar algúns datos escalofriantes, aos que xa estamos tristemente acostumados, a autora comenta que “a dación en pago da débeda hipotecaria parece que prantexa en España moitos problemas legais, aínda que sexa perfectamente asumible noutros países do noso entorno” e, en calquera caso, indica que esta medida estase a comentar nos últimos tempos no noso país, só como unha posibilidade arbitrada pola boa vontade do banco!!! ... pero, iso existe???

Sexamos algo máis radicais (marabillosa palabra, a miúdo denostada, que nos induce a ir á raíz dos problemas). Chamemos ás cousas polo seu nome.
Cando alguén de nós vai a unha tenda a devolver algo, que teña mercado con anterioridade, poden pasar varias cousas: no mellor dos casos que nos devolvan o diñeiro; noutras ocasións, e isto adoita estar indicado previamente, poden darnos un vale polo diñeiro gastado, que teremos que volver utilizar no mesmo establecemento; ou, no peor dos casos, poida que non nos recollan o obxecto, si consideran que era o pactado, que non está en boas condicións, que está usado, ou que pasou demasiado tempo desde a súa compra.
Poida que non sempre nos pareza moi xusta a opción elixida polo vendedor, pero qué nos parecería si, ademais de negarse a restituírnos o diñeiro, tampouco nos dan a opción do vale de compra, e nos obrigan a devolverlles a mercancía en cuestión; e que, no caso de que o pago se tivera establecido en cómodos prazos, teñamos que seguir pagándoos, agora dun xeito algo máis “incómodo”, sen dúbida; e que, ademais nos tilden pouco menos que de delincuentes, porque terán que poñer á venda de novo a mercancía cun desconto, o cal non lles permitirá conseguir outra ganancia igual ca anterior pola mesma mercadoría?
Hai alguén que non considere que isto sería un abuso? Entón, porque no caso dos bancos se permite e parece de todo punto imposible mudar esta situación?

Estase a falar de que a perda da vivenda debería saldar a débeda co banco, e nin sequera isto admiten os señores banqueiros.
Isto debería ser así, efectivamente, nos casos en que as cotas satisfeitas teñan sido moi poucas. Pero qué pasa coas persoas que teñen pagada a maior parte da hipoteca, o banco se lles queda coa casa, e aínda teñen que seguir aportando o que lles resta? Pagan o valor de mercado da vivenda, sempre moito máis alto que o custe real da mesma, (do mundiño da construción tamén habería moito que falar e deste sistema que só protexe a banqueiros, construtores, usureiros e demais calaña); dicía que pagan o valor de mercado da vivenda, ademais de contribuír a unha enorme ganancia para o banco en forma de intereses abusivos, e ao final están na rúa, sen diñeiro, sen casa, sen traballo (xa que por algo chegaron a esa situación) e mentres tanto o banco segue a repartir ano tras ano substanciosos beneficios entre os seus accionistas.
Neses casos o banco debería restituír a cuantía de capital aportado pola vivenda, posto que se queda co ben e xa cobrou puntualmente os intereses polo diñeiro prestado. Calquera outra opción é un roubo. Tamén deberían estar controladas esas subastas nas que os bancos venden as vivendas a “suertudos” e informados compradores oportunistas, por un valor irrisorio. Si todo isto estivera regulado doutro xeito, probablemente eses mesmos bancos serían moito máis receptivos a aceptar as medidas que a autora do artigo apunta, e que se dan noutros países, como flexibilizar as cotas da hipoteca, en vez de usurpar un ben que o banco non necesita para nada e que a continuación malvende.

As solucións a esta situación non van a virnos dadas desde as instancias do poder, tanto o económico como o político, posto que este último hai tempo que está supeditado ao primeiro; de modo que si queremos que algo mude, non nos queda máis remedio que afrontar a situación como persoas afectadas e ser nós mesmos, os cidadáns e cidadás de a pé, os que loitemos por cambiar as cousas. O primeiro paso para facelo é ser consciente da situación e identificar claramente aos culpables e ás vítimas, que moitas veces se confunden nas mensaxes enviadas desde o poder; organizarnos, e ter a carraxe de actuar e non seguir neste letargo infinito, esperando a ver de onde nos vai vir o seguinte golpe.