Teño entre as mans un libriño curioso. É unha recente edición en galego de “A servidume voluntaria”, de Étienne de La Boétie, autor francés do século XVI.
O texto prantexa a pregunta de por qué
as persoas viven baixo o imperio doutras persoas, renunciando á súa
liberdade.
Non deixa de ser unha reflexión propia
da súa época, polo que algunhas ideas resultan chocantes ou
directamente rexeitables. Pero a idea forza definida no título
sorprende pola súa vixencia.
O libro empeza así:
“Conta Homero que un día, falando en
público, Ulises dixo aos gregos: “Non é bo ter moitos amos. Un
abonda”. Se unicamente tivera dito: “Non é bo ter moitos amos”,
sería moito mellor ...xa o poder dun só, des que se converte en
amo, é duro e indignante...”
E segue a profundizar no tema:
“...ese tirano, por si só, non
precisaría ser combatido nin sería necesario defenderse del se o
país decidise non seguir sufrindo un minuto máis a servidume. Non
se trata de lle quitar nada, abonda con non darlle ren. Que unha
nación, se non quere, non faga esforzo ningún pola súa felicidade,
pero que non propicie ela mesma a súa ruina. Xa que logo, son os
pobos mesmos os que se deixan ou axudan a que os encadeen, pois
soamente con negarse a servir xa racharían os seus atumes...”
“...Non é doado imaxinar ata que
punto un pobo sometido deste xeito pola renartería dun traidor
pode chegar a envilecerse e caer no máis profundo esquecemento dos
seus dereitos. Tanto que é imposible espertalo do seu torpor para
que os reconquiste, servindo con tanta dedicación e voluntarismo que
se diría, ao velo, que non só perdeu a súa liberdade, senón mesmo
a calidade de servo, pasando a engrosar as filas da máis denigrante
escravitude...”
“...a primeira razón pola que os
seres humanos se prestan voluntariamente a servir é que nacen servos
e son educados como tales...”
“...Agora ben, unha cousa hai certa:
o tirano non se sente xamais seguro no poder ata que non chega ao
punto de que todos os seus súbditos non son senón xentes sen
especial valor...”
“...Máis esta argucia dos tiranos
que consiste en embrutecer os seus súbditos nunca foi máis evidente
que no comportamento que tivo Ciro cos lidios logo de conquistar
Sardes, capital de Lidia... montou lupanares, tabernas e casas de
xogo e dispuxo unha ordenanza que convidaba os cidadáns a darse ao
vicio. E resultou que se atoparon tan ben na súa salsa que, de alí
en diante, non foi preciso empregar a espada para controlar os
lidios...”
“...Porque, se imos ser sinceiros,
esta é a tendencia natural da masa ignorante que, polo común,
adoita ser maioritaria nas cidades: desconfiar de quen os ama e se
preocupa por eles e, pola contra, confiar en quen os engana e
traizoa...”
“...Os tiranos de Roma levaron estas
prácticas aínda máis alá e afagaron as decurias aparvalladas
cebándoas e gañando o seu favor de xeito ben doado: enchéndolles o
papo. E isto de tal modo que o máis instruído deles xamais tería
rexeitado a súa escudela de sopa por recobrar a liberdade da
república de Platón... Os panoios non se decataban de que ao
gozar de todas aquelas cousas non facían senón recobrar unha
pequena parte do que xa era seu. É máis, non eran conscientes de
que aquela porción que recuperaban non llela cedería o tirano se
antes non llela tivese roubado. ....todos... podían, ao día
seguinte, verse privados dos seus bens pola cobiza dos seus amos... E
todo sen dicir palabra, calados coma petos, sen mover un dedo...”
“Chego agora a un punto que, entendo,
constitúe o segredo e o resorte da dominación, o piar e o
fundamento de toda tiranía. Os que pensan que as alabardas, os
soldados e a vixilancia sosteñen os tiranos equivócanse totalmente.
Ao meu ver, estes sérvense deles máis por formalismo e para
disuadir que porque confíen nos mesmos... Nos nosos días -e sei que
custa crelo, pero é absolutamente certo- apenas se son catro ou
cinco as persoas que o sosteñen [ao tirano] e lle axudan a someter
todo o país... Estes seis coordinan outros seis mil aos que sitúan
en cargos importantes... Grande é o número dos que seguen a
estes... ata conformar unha cadea ininterrompida que os une ao
tirano...”
“...Do mesmo modo, dende que un rei
se proclama tirano, todo o malo, todo o refugallo do reino... se
arremuiña ao seu redor, sosténdoo para lograr a súa parte do
botín, sendo eles tamén, baixo o amparo do gran tirano, aprendices
de pequenos tiranos. Así actúan os grandes ladróns e os corsarios
famosos: uns asolan o país namentres os outros perseguen os
viaxeiros; uns sérvense da emboscada, os outros permanecen ao axexo;
uns masacran, os outros saquean...”
“...É así como o tirano somete aos
seus súbditos, a uns por medio doutros. Permanece protexido por
aqueles dos que debería protexerse se non fose porque xa se
envileceron. Máis, como adoita dicirse, para fender madeira
precísanse cuñas da mesma madeira...”
Agora facede o xogo de substituír
algunha das verbas, como tirano, ou algunha das situacións
descritas, por outras máis actuais como: gobernantes, troika,
sistema financeiro, sistema capitalista, fomento do consumismo,
publicidade, tele-lixo, banqueiros, etc. Entón mirade onde vos
atopades nese escenario e repensade o segundo parágrafo: para
decidirse a non seguir sufrindo a servidume non é necesario
quitarlle nada, abonda con non darlle ren.